Pegan á Policía ao berro de "sodes todos uns fillos de puta, tanto os porteiros coma os madeiros"
Por Redacción
O aparcadoiro da discoteca La Luna de San Vicente de Cerponzones acolleu na madrugada do domingo ao luns unha liorta entre o porteiro do establecemento e dous clientes que acabou con estes últimos detidos tras danar a discoteca e o vehículo policial e pegar a os axentes da Policía Nacional ao berro de: "sodes todos uns fillos de puta, tanto os porteiros coma os madeiros".
Os detidos son dous veciños do Grove de 26 e 21 anos, o maior con antecedentes policiais, e atribúenselles os delitos de atentado a axente da autoridade, resistencia, desobediencia e danos. Foron trasladados á Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra e postos a disposición xudicial. A continuación, quedaron en liberdade con cargos.
Segundo informou a Policía Nacionao, os feitos sucederon sobre as 2.50 horas da madrugada. Un porteiro de La Luna expulsou un home por protagonizar unha pelexa no interior e romper unha porta de cristal.
Unha vez en lle exterior, o individuo lonxe de depoñer a súa actitude propinoulle un puñazo ao porteiro na cara, de modo que se alertou a Policía Nacional.
Cando os axentes chegaron ao lugar e quixeron identificar ao presunto agresor, el e un amigo que tamén fora expulsado da discoteca presentaron un elevado estado de excitación e agresividade e encaráronse cos axentes, proferindo insultos do tipo: "sodes todos uns fillos de puta, tanto os porteiros coma os madeiros,".
Finalmente, un dos individuos recoñeceu ter roto a porta de cristal, pero continuou ameazando o porteiro tratando de abalanzarse sobre el. Os axentes evitaron esta agresión, pero nese momento iniciouse un forcexo cos dous individuos no que recibiron patadas, empuxóns e puñazos.
Un dos axentes recibiu un golpe no tabique nasal e no labio, feridas das que tivo que ser atendido nun centro hospitalario. Tras o forcexo, os axentes conseguiron finalmente que os dous individuos subisen ao vehículo. Antes, un deles rompeu dunha patada o piloto traseiro dereito. Unha vez dentro, provocaron múltiples danos no biombo do vehículo policial e na xanela ao golpearse ambos os dous reiteradamente coa cabeza durante o traslado a dependencias policiais.