O PP tilda de "mentira" as acusacións do alcalde de Ponte Caldelas sobre o campo da Barcia
Por Redacción
O Partido Popular de Ponte Caldelas criticou este domingo que o alcalde, Andrés Díaz, "mente" cando afirma que o campo de fútbol de Chan da Barcia acaba de vivir os seus primeiros traballos de mantemento desde que se creou no ano 2006. Asegura que se repuxo o caucho e pasouse unha maquina especializada no verán de 2014 tras a fin da tempada deportiva.
O portavoz do PP, Ricardo Castro, lembra que o campo foi unha das obras máis importantes realizadas polo anterior goberno, que no ano 2006 permitiu transformar un antigo campo de terra nun moderno campo de herba sintética e dotalo de vestiario.
"Hai que ter moi pouca vergoña para falar de abandono do campo futbol cando sempre se mantivo en perfectas condicións", sinalou Ricardo Castro. Ademais, engade que cada dous anos pasábase a máquina e repoñíase o caucho, a última vez en 2014.
En relación con esas obras de 2014, explica que foron financiadas co Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais 2014 posto en marcha pola Deputación de Pontevedra. Ademais, engade que recibiu unha actuación de mantemento integral en 2010 financiada tamén pola institución provincial.
Para o portavoz do PP, "o máis sorprendente" é que en novembro de 2015 o seu partido presentou unha moción ante o Pleno solicitando o cambio do céspede artificial porque estaba a chegar á fin da súa vida útil, que vencía en xullo de 2016, e a resposta de Andrés Díaz foi que o arranxo do campo de fútbol non era unha prioridade.
"Antes de dicir estas bobadas que lle diga ao seu xefe de prensa que repase a hemeroteca para que evite facer o ridículo", sentenza Ricardo Castro, que considera que o alcalde debería investir máis tempo en mellorar o municipio e "non en xustificar a súa incompetencia e a súa nula capacidade de xestión".
Relacionadas:
-
O goberno local quere substituír "a curto prazo" a herba sintética do campo de fútbol de Chan da Barcia
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pon fin ao abandono do campo de herba sintética de A Barcia
Por Redacción |
-
As inundacións en Ponte Caldelas provocan graves danos no campo de fútbol de Chan da Barcia
Por Diego Espiño |