Aparece a salvo un home desaparecido durante horas en Campo Lameiro
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un amplo dispositivo de medios das forzas de seguridade mobilizouse durante horas na tarde deste sábado nas tarefas de procura dun veciño de Campo Lameiro de 52 anos que desaparecera da súa casa ao mediodía. Finalmente, foi localizado pasadas as nove da noite por unha patrulla da Policía Local de Caldas de Reis no centro de saúde desta localidade en perfecto estado de saúde.
A esposa do desaparecido presentara a denuncia a media tarde no posto da Garda Civil de Cuntis indicando que saíra a pasear e non regresara á casa. Descoñece a ruta que seguira, pero temía pola súa vida.
Nas tarefas de procura implicáronse inicialmente efectivos da Garda Civil, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) de Caldas de Reis, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Estrada e as agrupacións de Protección Civil de Caldas, Cuntis e Moraña.
Desde que caeu a noite uníronse unidades máis especializadas e cans adestrados no rescate e a procura de persoas da agrupación de Protección Civil de Padrón. Esta agrupación complementa o traballo dos animais para rastrexar as zonas estipuladas co uso de drons.