Ponte Caldelas pon fin ao abandono do campo de herba sintética de A Barcia
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas contratou unha empresa especializada para realizar os primeiros traballos de mantemento do campo de herba sintética de A Barcia, unha actuación coa que mantén que se pon fin a "dez anos de abandono" nestas instalacións deportivas.
O goberno local recoñece que está "moi preocupado pola desastrosa situación" na que atopou o campo de A Barcia cando o tripartito tomou o mando en 2015 xa que desde que se creou hai unha década non foi obxecto de ningún tratamento. Segundo sostén, os danos acumulados "son importantes", pero gracias a este labor corrixiuse un pouco a compactación que se tiña producido.
Segundo anunciou o Concello este sábado a través dun comunicado, van tratar de acadar achegas da Deputación Provincial ou da Xunta de Galicia para a substitución da herba sintética a curto ou medio prazo. A obra, que ten un custo de preto de 200.000 euros, non pode ser acometida en solitario polo Concello.
O alcalde, Andrés Díaz, explicou que o traballo da empresa Zona de Obra consistiu no pase dunha máquina especializada, dotada de cepillos adecuados, ganchos e púas para a limpeza e posterior levantado do pelo da herba sintética. O traballo durou unha xornada completa para repasar os 6.500 metros cadrados do terreo de xogo. A herba, cunha lonxitude de 6 milímetros, queda deste xeito máis vertical e ofrece unhas mellores prestacións para a práctica do fútbol.
Andrés Díaz subliñou que Ponte Caldelas é o primeiro concello do que teña coñecemento que realiza este tipo de traballo de mantemento, que é habitual noutros países onde as instalacións de herba sintética levan utilizándose máis tempo.