Aparatoso incendio nos restos de cascallos acumulados nunha nave abandonada na Reigosa
Por Natalia Puga
Un incendio arrasou este sábado grupos de cascallos acumulados no interior dunha nave abandonada no polígono industrial da Reigosa, na parroquia de Tourón de Ponte Caldelas. A nave xa estaba esnaquizada tras ser vítima de dous incendios en setembro de 2012, pero acumulaba grandes cantidades de restos de materiais de obra e outros desfeitos.
A nave acolleu hai décadas a sede da empresa de queixos Lácteos Prieto e posteriormente unha empresa de desgüaces e construción, pero leva anos abandonada.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 rexistrou o incendio ás 11.45 horas deste sábado e foron alertados os bombeiros de Pontevedra e O Morrazo, aínda que finalmente interviñeron estes últimos porque Ponte Caldelas figura entre os territorios da súa competencia en base ao mapa de emerxencias. ñl,
Segundo indicaron os Bombeiros do Morrazo, a intervención prolongouse durante apenas media hora. Tras sufocar as chamas, deixaron toda a zona afectada polo lume cuberta con escuma.