CIG-Saúde sospeita que a saturación das urxencias pode ser "interesada" para favorecer a sanidade privada
Por Oskar Viéitez
O sindicato CIG Saúde sospeita que o problema da saturación do servizo de urxencias, nestas datas, non se debe só ao incremento puntual da atención pola gripe, e sinalan que "tamén se debe á falta de planificación, probablemente interesada" xa que esta situación está obrigando aos facultativos a desviar pacientes á sanidade privada.
"Casualidade ou non que por estas datas o ano pasado, coincidindo cun proceso electoral, non tiveramos tremendo colapso nas urxencias", apunta o sindicato nacionalista nun comunicado.
Dende a CIG reprochan á administración que nos últimos anos o persoal do Sergas "non aumentou en consonancia coa demanda", é dicir, medrou moito máis a demanda que o persoal que se incorporou por mor da taxa de reposición.
Xunto a "falta de camas" no Complexo Hospitalario de Pontevedra, tendo en conta a poboación que atende, a CIG tamén sinala como causas desta "tormenta perfecta" que non se rebaixa a actividade cirúrxica non urxente ou prioritaria, que non se reforzan outros servizos que poderían axudar a axilizar as urxencias, "e por riba" non se reforza o persoal que atende aos pacientes na unidade de urxencias, o que provocou finalmente o "colapso e caos".
Estes representantes do persoal sanitario advirten que os traballadores de urxencias non só atenden aos propios pacientes do servizo, senón que tamén a todos aqueles que teñen orde de ingreso pero que non teñen asignada cama, "o que implica unha sobrecarga de traballo importante ao persoal sobre todo na enfermaría, auxiliares, celadores". Consideran que moitos deste doentes deberían estar sendo atendidos nas camas de hospitalización xa que teñen grandes pautas de medicacións e de coidados "e sobre todo porque os corredores dos servizos de urxencias non son os sitios ideais para atendelos".
Para CIG-Saúde xa se debería ter previsto esta situación e reforzar o persoal e non esperar a que se saturen os corredores e ás protestas dos pacientes.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras solicita a dimisión do xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade rexeita falar de colapso en Urxencias mentres o persoal o atribúe á "nefasta xestión"
Por Natalia Puga |
-
A marea branca volverá a Pontevedra o sábado 21 coa mirada posta no colapso de Urxencias
Por Redacción |
-
Os socialistas preguntan no Parlamento de Galicia polo colapso en urxencias de Montecelo
Por Redacción |
-
Os sindicatos médicos culpan á Xunta da "saturación" das Urxencias con atrasos "de máis de 8 horas"
Por Oskar Viéitez |
-
Segundo día de colapso en Urxencias de Montecelo
Por Natalia Puga |