Propoñen destinar parte da asignación aos grupos políticos á creación de zonas de esparexemento para cans
Por Oskar Viéitez
A asociación animalista Libera presentou esta semana as súas propostas para modificar o proxecto de orzamentos do Concello de Pontevedra para o 2017, con ideas que "lograrían unha cidade máis amigable cos animais, tanto no terreo da convivencia responsable, como da prevención das secuelas do abandono e os malos tratos", sinalan nun comunicado.
Os animalistas propoñen que se destinen a este fin 50.000 euros que se obterían de partidas como a asignación a grupos políticos ou os gastos de representación ou publicidade, entre outras.
Libera expón que 15.000 euros dedíquense á creación de novas zonas de esparexemento canino e que as contas de concello inclúan unha partida de axudas específicas para entidades protectoras, ás que se poderían acoller tanto as que dispoñen de instalacións propias como aquelas que traballan con colonias felinas.
Tamén propoñen dotar con outros 15.000 euros un fondo para realizar novas campañas de sensibilización da cidadanía en aspectos como a tenencia responsable, a adopción ou os bos coidados veterinarios, e finalmente outros 5.000 euros no impulso destas campañas no ámbito escolar.
Os animalistas sinalan que as súas alegacións representan aproximadamente tan só o 0,06% do proxecto económico completo, polo que esperan que tanto o goberno de Michelena como os grupos da oposición apoien estas emendas orzamentarias, ao entender que melloran o apartado específico de benestar animal, e seguen a liña que outras cidades do Estado marcaron para defender aos animais, pero tamén para dotar os seus termos locais de novos equipamentos.