Urbanismo inicia o anteproxecto do plan especial de ordenación do porto de Portonovo
Por Redacción
A Concellería de Urbanismo e Infraestruturas do Concello de Sanxenxo contratou a elaboración dun anteproxecto do plan especial de ordenación do porto de Portonovo, un documento que servirá de ferramenta de traballo para acordar con entidades concesionarias de espazo portuario en Portonovo así como distintas asociacións a distribución futura desta superficie.
O porto de Portonovo, a diferenza do de Sanxenxo, dispón exclusivamente dun plan de usos. Carecer do plan especial de ordenación implica que só poidan autorizarse obras de promoción pública e limita as actuacións para realizar na superficie portuaria a tarefas de mantemento e conservación.
O goberno local de Sanxenxo, que xa presentou un borrador a Portos de Galicia sobre a reordenación deste espazo, adquiriu co ente autónomo o compromiso de redactar este anteproxecto, aínda que as competencias para tramitar o plan especial de ordenación son exclusivas de Portos, mentres que a aprobación deberá ser conxunta.
O goberno local considera urxente empezar a traballar na reorganización do porto co obxectivo de optimizar o espazo existente, de forma que de solución a todas as necesidades que expón Portonovo á vez que garante o desenvolvemento de actividades náuticas, recreativas, pesqueiras, turísticas e culturais.
Reordenar a zona portuaria, delimitar os espazos para cada actividade coa intención de gañar superficie para un aparcadoiro subterráneo cunha praza pública en superficie e facelo compatible coa actividade de varadero e tarefas de mantemento das embarcacións é o obxectivo que persegue este primeiro documento técnico sobre a reordenación do porto.
"Trátase dunha zona, como ben saben todos os veciños, na que conviven barcos de pesca, cos rapaces do Club de Piragüismo, os de Amigos da Dorna, peatóns e unha pequena zona para estacionamento. É urxente e unha prioridade para este goberno buscar dunha solución", explica Daniel Fernández, concelleira de Urbanismo, que considera que o proxecto definitivo a executar en Portonovo debe saír do consenso de todas as asociacións e entidades que utilizan este espazo portuario.
"Queda por diante moito traballo por facer pero consideramos que é imprescindible que comecemos a dar os pasos necesarios para que se poida executar unha reordenación que vertebre Portonovo e que garantice a optimización dunha superficie que pode resultar vital para a revitalización do pobo", engadiu.
O anteproxecto do plan de ordenación do porto de Portonovo foi encargado con cargo ao plan director de planificación urbanística e o estudo técnico contratado dispón dun prazo de cinco meses para a súa elaboración.