O PSOE pregunta no Congreso dos Deputados pola rehabilitación da Ponte Malvar en Cerponzóns
Por Oskar Viéitez
O deputado socialista por Pontevedra, Guillermo Meijón, presentou unha pregunta á Mesa do Congreso interesándose polos plans do Ministerio de Fomento para a recuperación da Ponte de Malvar, en Cerponzóns.
Meijón faise eco da preocupación da Asociación de Veciños O Chedeiro desta parroquia que, desde hai varios anos, reclaman unha actuación urxente ante o "abandono" que presenta esta histórica infraestrutura levantada a finais do século XVIII por orde do arcebispo Sebastián Malvar, natural de Salcedo, que promoveu o proxecto do Camiño e Real Plantío desde Ponte Valga ata Ponte Sampaio.
Como sinala o deputado pontevedrés, este viaduto sobre o río Rons conta actualmente cunha varanda metálica en "mal estado" que no seu día substituíu aos paramentos de pedra que conformaban a protección orixinal, algúns dos cales se conservan a día de hoxe.
"A alteración, no seu día, da fábrica orixinal da ponte, así como o mal estado da varanda que a substituíu parecen aconsellar acometer un novo proxecto que renove a imaxe da ponte buscando conxugar os necesarios niveis de seguridade coa recuperación da imaxe inicial", di o escrito presentado ao Congreso.
A falta de beirarrúas e recollida de pluviais son outras das carencias que os socialistas entenden necesario resolver.
Por todo o exposto Guillermo Meijón pregunta se o Goberno que preside Mariano Rajoy pensa acometer obras de mantemento, construción de beirarrúas e demais, e de ser así cal é o plan previsto.