Atrasan a súa operación por non poder cubrir uns impresos en galego no Hospital Miguel Domínguez
Por Oskar Viéitez
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia "un novo caso de discriminación lingüística" no Sergas, no que, supostamente, un paciente "foi obrigado a atrasar a súa operación" por escoller empregar o galego.
Á espera da versión dos feitos solicitada ao Hospital Miguel Domínguez segundo o relato que traslada a organización en defensa do idioma, o paciente foi derivado desde o Sergas ao Hospital privado pontevedrés, onde tiña que facerse unhas probas médicas para un preoperatorio o 5 de febreiro.
No hospital solicitáronlle que asinase unha serie de documentos "pero cando o paciente pediunos en galego dixéronlle que non tiñan documentación en galego". Foi entón cando o propio paciente informoulles de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística tiña un servizo de asesoramiento lingüístico e un acordo co Sergas "polo que se comprometía a traducir este tipo de documentación nun máximo de 30 minutos", asegura A Mesa.
Tras realizar unhas consultas, a empregada do Hospital Miguel Domínguez indicoulle que se non asinaba os documentos en español tería que marchar e esperar na súa casa a que enviasen a documentación á administración da Xunta e esta a devolvese traducida, co conseguinte adiamento nas súas probas e operacións. "O paciente non renunciou aos seus dereitos lingüísticos e finalmente foi iso o que ocorreu, tras cubrir a pertinente folla de reclamacións", sinalan.
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística, critican o "inadmisible intento de coaccionar aos cidadáns para que non poidan exercer os seus dereitos lingüísticos legalmente recoñecidos, xogando cun tema tan sensible e fundamental como a saúde das persoas". A Mesa puxo o caso en coñecemento da Consellería de Sanidade e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, "sen obter polo momento ningunha resposta".