O Grove repartirá 400 quilos de caramelos na cabalgata dos Reis Magos
Por Redacción
Os Reis Magos tamén pasarán polo Grove para protagonizar a súa tradicional cabalgata. No caso da vila do Salnés, o desfile sairá este xoves 5 de xaneiro ás seis da tarde do colexio Valle Inclán, situado no barrio de Ardia, para dirixirse posteriormente pola rúa Tenente Domínguez, a rúa Castelao e a rúa Pablo Iglesias ata a praza do Corgo.
Unha vez alí, dirixirán unhas verbas aos máis cativos dende o balcón da Casa Consistorial. Como novidade, as Súas Maxestades realizarán unha recepción na planta baixa do Concello e todos aqueles rapaces que así o desexen poderán saudalos e facer as súas peticións.
Durante o percorrido da cabalgata, os Reis e os seus axudantes repartirán 400 quilos de caramelos e despois da recepción os nenos e nenas poderán tomar un chocolate con churros ás portas do Concello.
Deste xeito preténdese reducir o exceso de caramelos de anos anteriores que, segundo o Concello, xera moito lixo nas rúas do Grove, e ofrecer outros doces aos cativos que lles permitan gozar deste día.
A espectacular cabalgata de Reis do Grove é posible grazas ao traballo dun amplo número de voluntarios que levan traballando nas carrozas que transportarán as súas Maxestades dende o 1 de decembro.
Ademais das catro carrozas do Concello, dúas asociacións culturais das localidade sumaranse ao desfile coas súas propias estruturas.
Dende o Concello do Grove piden a colaboración dos veciños para manter as rúas limpas ao paso da comitiva. Deste xeito recoméndase evitar o uso de papeis e materiais semellantes de difícil recollida das rúas e lémbrase evitar produtos inflamables ou corrosivos sobre as carrozas e vehículos.
Tanto a Policía Local como os servizos de emerxencias municipais manterán un despregue amplo para garantir o bo desenvolvemento da visita das súas Maxestades.