Sanxenxo contará en maio cun avance do informe de titularidade de todos os viais do municipio
Por Redacción
A concellería de Urbanismo de Sanxenxo contratou á empresa Laya Gestión y Servicios SL a redacción dun inventario municipal de viais, ademais da subministración da aplicación informática para a dixitalización do inventario municipal de bens.
O importe ascende a 21.235,50 euros e conta cun prazo de cinco meses para a redacción e entrega dun primeiro avance dos traballos que comezarán con medicións e recompilación de información de campo. Despois a empresa adxudicataria manterá unha reunión en cada parroquia para clarificar a titularidade de cada un dos viarios.
Con este traballo, segundo expón o concelleiro de Urbanismo Daniel Fernández, terminarase o período de inseguridade xurídica actual no que se descoñece a titularidade dalgúns camiños e, por tanto, pasarase a coñecer se se trata de viais públicos, privados ou servidumes. Neste momento algúns viarios non aparecen recollidos no Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2003 e outros expoñen unha titularidade dubidosa.
Co novo inventario tentarase evitar esta situación de incerteza para informar das licenzas que soliciten os cidadáns. Con estes traballos, o goberno local saberá quen é o propieatrio dun camiño e, por tanto, as licenzas serán concedidas con garantías, apuntan desde o Concello de Sanxenxo.