O souto máis extenso da provincia estará en Campañó
Por Alejandro Espiño
Ata 62 hectáreas ocupará o futuro parque forestal periurbano de A Tomba, o terceiro que haberá no municipio de Pontevedra. Iso si, terá un aliciente especial. Será o souto máis extenso da provincia, segundo sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da comunidade de montes de Campañó, José María Domínguez.
Os primeiros pasos deste parque forestal déronse este mércores coa sinatura do protocolo polo que o Concello aportará 441.000 euros para desenvolver, durante os dous próximos anos, a recuperación deste espazo natural.
A Tomba pretende ser, segundo os seus impulsores, un exemplo de monte galego sustentable. Será unha área produtiva na que se eliminarán as especies invasoras e se apostará pola biodiversidade, xerando actividade económica en Campañó.
Pero ao mesmo tempo terá un perfil social, de forma que calquera pontevedrés poida gozar deste espazo. Neste sentido, este parque forestal estará situado a tan só catro quilómetros da praza da Peregrina e desde a Xunqueira de Alba chegarase a el en "dez ou quince minutos andando", segundo o presidente dos comuneiros da parroquia.
O alcalde subliñou que se trata dun proxecto que conta coa aprobación da comunidade de montes que cederá os terreos durante trinta anos e máis de todo o movemento asociativo de Campañó, que apoia de forma unánime esta iniciativa.
O futuro parque forestal da Tomba ocupará 62 hectáreas e contará con 17 quilómetros de sendas, das que dezaseis serán para peóns e -segundo os tramos- para ciclistas. Ademais, a parte alta contará cun miradoiro sobre Pontevedra desde o que se poderá contemplar a cidade, a ría, o monte Castrove, A Fracha ou o Acival.
Nunha primeira fase -feita a tramitación administrativa- procederase a limpeza e eliminación de especies invasoras, principalmente mimosas, acacias e eucaliptos, e a preparación das pistas e sendas. A segunda fase será a de plantación das novas árbores autóctonas.
A Tomba contará con 22 hectáreas de souto, 20 hectáreas de castiñeiros e carballos e 15 hectáreas de bosque mixto. Contará tamén cun proxecto experimental para recuperar a produción de aceite en Galicia, para o que se plantarán 3 hectáreas de oliveiras na busca de novos camiños para o aproveitamento do monte.
"Temos que apostar pola diversidade nas plantacións porque se arde o monte quedaríamos en bancarrota ao non ter madeira que sacar", explicou José María Domínguez. Para os comuneiros de Campañó este proxecto, dixo, é un "sopro de aire fresco" ao permitirlle a posibilidade de buscar novos ingresos para o seu monte.
Relacionadas:
-
Propoñen empregar parte da Tomba como refuxio de cabalos
Por Redacción |
-
O parque forestal da Tomba abarcará finalmente 83 hectáreas
Por Alejandro Espiño |
-
O parque forestal da Fracha, máis preto
Por Alejandro Espiño |
-
Un grupo de mozos eliminou plantas invasoras da duna de Baltar
Por Oskar Viéitez |
-
Os eucaliptos do castelo de Soutomaior teñen as horas contadas, comezou a talla
Por Redacción |
-
Primeira toma de contacto co futuro parque forestal da Tomba
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |