O programa de televisión 'España Directo' cambia o horario da cabalgata de Reis en Ponte Caldelas
Por Redacción
Todo estaba previsto para que este mércores ás 18.00 horas, as súas maxestades os Reis Magos de Oriente se achegaran ao Concello de Ponte Caldelas para realizar a súa habitual cabalgata. Pero o evento sufrirá un atraso no horario e non partirá ata as 19.15 horas. O motivo? A conexión en directo que está previsto que realice Televisión Española a través do seu programa España Directo para emitir parte do traxecto.
Desta forma, Melchor, Gaspar e Baltasar veranse obrigados a estar pendentes, xunto ao público asistente, á conexión televisiva.
Neste mesmo mércores, o goberno local comunicaba o cambio de horario lamentando as molestian que poidan causar aos veciños. O alcalde Andrés Díaz pide comprensión polos efectos positivos que terá para o municipio a transmisión nun programa de ámbito nacional da cabalgata monárquica. Díaz entende que isto axudará a promover turísticamente á localidade.
A programación manterase tal e como estaba marcado, con saída das carrozas co percorrido habitual e a recepción, ao finalizar a comitiva, no Centro Cultural. Haberá unha gran chocolatada gratuíta, ademais de roscón. A merenda está promovida por establecementos da localidade.