60.000 euros para mellorar a iluminación no polígono de Castiñeiras e no casco urbano de Bueu
Por Redacción
O Concello de Bueu publica no Perfil do Contratante a licitación para a subministración de luminarias no centro urbano e no parque industrial de Castiñeiras, con cargo ao Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, e cun importe de 59.905 euros con IVE incluído.
O anuncio tamén saíu publicado este mércores no Boletín Oficial da Provincia e as empresas terán un prazo de 15 días para presentar a esta selección.
O proxecto inclúese no Plan de Eficiencia Enerxética que o Concello de Bueu desenvolve en diferentes puntos do municipio. O obxectivo é instalar 201 luminarias de maior eficiencia que as actuais, que son de alto consumo.
Segundo o informe técnico, con esta actuación quérense reducir as emisións contaminantes, aumentar a capacidade lumínica das luminarias e diminuír o gasto enerxético. A previsión que calculan desde o goberno local sitúa entre o 42 e o 70% o descenso dese gasto.
Con este cambio tamén se cobre unha solicitude dos representantes da Asociación de Empresarios do Parque Industrial de Castiñeiras (AEPICAS), tal e como llo solicitaron ao alcalde Félix Juncal o pasado ano.