Barro acolle unhas xornadas de reciclaxe
Por Redacción
Este mércores día 4 xaneiro terá lugar unha xornada da reciclaxe en Barro ao lado do centro de saúde dende as 11 ata as 14 horas.
Haberá dúas carpas informativas. Por un lado, a carpa da Xunta de Galicia, na que todas as persoas que se acheguen poderán coñecer os beneficios da reciclaxe e de como realizar unha xestión máis sostible dos recursos e na que ademais haberá talleres e agasallos.
Por outro lado, haberá un stand informativo sobre o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra que contará coa presenza de dous mestres composteiros que explicarán os procesos das distintas unidades de compostaxe.
Dende o 5 de setembro Barro está usando o composteiro comunitario con unha boa acollida e participación por parte da veciñanza, polo que xa se está preparando a súa entrada na segunda fase do Plan Revitaliza.
Tamén se realizará o reparto do primeiro compost producido no composteiro comunitario de San Antoniño.
Mediante un acordo entre a Concellería de Obras e Servizos coa empresa Ecovidrio vanse colocar ademais varios contenedores con imaxes turísticas de Barro nas que estará representada a Fervenza da Barosa en diferentes estacións.