Ferida a condutora dun camión envorcado na estrada entre O Marco e Tomeza
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha muller resultaba ferida ao quedar atrapada no camión que conducía pola estrada EP-0002 que une O Marco con Figueirido (Vilaboa) á altura de Santa Marta na parroquia pontevedresa de Tomeza, ao redor das 11.00 horas da mañá deste martes, segundo información facilitada polo 112 Galicia.
Ata o lugar onde se rexistraba este accidente trasladáronse os Bombeiros do Parque de Pontevedra, ademais de efectivos da Garda Civil de Tráfico. Liberar á muller levou máis de dúas horas. As pernas quedaran atrapdas entre o salpicadeiro e o asento. Foi necesario cortar o tráfico na EP-0002 para levar a cabo o rescate da condutora. Pasadas as 13.45 horas, o tráfico continuaba sendo desviado e a vía permanecía pechada á circulación.
O camión transportaba bobinas de papel. Saía da calzada envorcando e arrincando ao seu paso un poste do tendido telefónico. Un particular chamou ao Servizo de Emerxencias 112 Galicia ás 11.00 horas para alertar do accidente.
Ata a parroquia pontevedresa desprazáronse tamén efectivos do servizo de urxencias médicas do 061 para atender á muller, que foi trasladada ao Hospital Montecelo con danos, sobre todo, nun brazo. Fontes hospitalarias confirmaron que o seu estado era grave e tivo que ser intervida cirurxicamente.
Tamén foi alertada Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico.