De fillo vándalo, pai matón
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar unha sentenza que condena un pontevedrés e o seu fillo a senllos delitos de lesións e ameazas pola súa actitude agresiva cara a un mozo menor de idade ao que tiraron da bicicleta causándolle unha lesión nunha man e ameazaron con que o matarían.
Ambos foron condenados previamente por un xulgado de instrución pontevedrés, pero recorreron. Agora, a Sección Cuarta da Audiencia confirma a condena por uns feitos ocorridos hai menos dun ano, o 4 de xaneiro de 2016.
Ese día, un menor ía en bicicleta polas inmediacións do seu domicilio mentres paseaba ao seu can cando, nun momento dado e de forma sorpresiva, un mozo propinoulle un forte empuxón, provocando a súa caída. Acto seguido, levantouse e colleu a súa bicicleta e mascota para marchar do lugar. Cando se dispoñía a irse, o pai do seu agresor dirixiuse a el dicíndolle "fillo de puta, voute matar".
Como consecuencia da caída, o mozo sufriu contusión na man dereita e precisou para a súa curación tres días non impeditivos e unha única asistencia facultativa. Non necesitou tratamento médico ou cirúrxico.
O fillo foi condenado por un delito de lesións a unha multa de 150 euros, 30 días a razón de cinco euros diarios e a indemnizar á súa vítima con 90 euros. Ao pai impuxéronlle a mesma multa de 150 euros por un delito leve de ameazas.