Prevención contra as xeadas nas estradas da Lama e Cerdedo
Por Redacción
As brigadas de mantemento das estradas provinciais, dependente da Deputación, levan varias xornadas realizando un labor preventivo a primeiras horas da mañá aplicando sal nas estradas que atravesan, na maioría de casos, municipios do interior da provincia.
É o caso de municipios da comarca como A Lama ou Cerdedo, pero tamén da Estrada, As Neves, Covelo, A Cañiza, Fornelos de Montes, Forcarei, Soutomaior e O Rosal.
"Queremos ir por diante dos problemas e non agardar a que chamen por emerxencias, porque entón é que xa ocorreu algo", recoñeceu o deputado Uxío Benítez nun balance da actividade anual das brigadas.
Durante 2016, estes traballadores provinciais atenderon un total de 524 emerxencias en vías de titularidade da Deputación, nun ano considerado tranquilo salvo nos meses de xaneiro e febreiro, nos que se acumularon 229 actuacións debido aos temporais de auga e vento.
O mes de ano con maior número de intervencións foi febreiro, con 125 desprazamentos por emerxencias nas estradas provinciais, seguido de xaneiro (104).
Os accidentes de tráfico son a principal causa de actuación das brigadas de mantemento, seguidos de desprendementos, caida de árbores ou inundacións.
En canto á zona centro da provincia, a conformada polos municipios de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, O Grove, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova, o número total de actuacións durante o ano 2016 foi de 112, atendidas polas tres brigadas que teñen base en Pontevedra.