Unha doutora pasará consulta de Atención Primaria alternativamente en Anafáns e Combarro
Por Redacción
O Sergas atopou unha solución para o conflito que se abriu no centro de saúde de Anafáns, en San Salvador de Poio, despois de que os afectados pola xubilación dunha doutora deste centro opoñíanse a ser derivados á consulta en Combarro. Os usuarios chegaran a reunir 1.500 firmas en contra desta medida e celebráronse dúas reunións que finalizaron cunha solución salomónica.
A partir do 9 de xaneiro, unha nova facultativa pasará consulta os luns e mércores en horario de tarde no centro de saúde de Anafáns e os martes, xoves e venres en Combarro.
Con esta medida, os pacientes que eran atendidos pola doutora xubilada poderán acudir ao centro que teñan máis próximo aos seus domicilios. Tanto a plataforma de afectados como os responsables sanitarios consideran que esta solución é positiva para ambas as partes.
Desde o Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, felicítase ás dúas partes por esta resolución. O centro de saúde de Anafáns está pendente de que se acometan obras de ampliación das instalacións, a través dun convenio coa Consellería de Sanidade.
Os populares lembran ao Concello de Poio que deberá habilitar máis estacionamento e realizar melloras nesa contorna. Segundo apuntan a través dun comunicado, veciños desa zona están dispostos a vender parcelas necesarias para incrementar as prazas de aparcadoiro e dotar de beirarrúas os arredores do centro de Anafáns.
Relacionadas:
-
Todos os políticos aproban unha moción para reclamar a mellora dos servizos sanitarios en Poio
Por Redacción |
-
Malestar entre os pacientes do Centro de Saúde de Anafáns derivados a Combarro
Por Redacción |
-
O PP de Poio propón negociar cos propietarios e ampliar o estacionamento do Centro de Saúde de Anafáns
Por Oskar Viéitez |