Valenzuela asume a presidencia de AJE Galicia instando ás administracións a que "apoien moito máis" aos emprendedores
Por Oskar Viéitez
O pontevedrés José Manuel Valenzuela asumiu este luns a presidencia da Asociación de Novos Empresarios de Galicia (AJE Galicia), animando aos emprendedores a buscar o financiamento para os seus proxectos "por todos os medios".
Hai dous anos que era nomeado presidente de AJE de Pontevedra, e agora sube un chanzo para responsabilizarse da asociación en toda a comunidade.
José Manuel Valenzuela Limiñana (Santiago de Compostela, 1973) presentábase aos medios xunto ao presidente da patronal galega, Antonio Fontenla, e o seu antecesor á fronte da organización, Daniel Ramos.
Na súa primeira intervención desde a súa nova responsabilidade Valenzuela dirixiuse aos emprendedores aconsellándolles que para emprender "ben" estuden o terreo a través dun plan de viabilidade.
A súa seguinte mensaxe foi dirixida aos responsables políticos, a quenes advertiu que as axudas aos emprendedores "quédanse curtas" e considerou que as administracións "deben apoiar moito máis" a este colectivo en cuestións relativas ao crédito e a innovación, por exemplo.
A etapa de Valenzuela á fronte de AJE Galicia será moi breve posto que segundo o mesmo anunciou antes de cumprir os 41 abandonará o cargo.
AJE Galicia ten máis de 1.000 empresas asociadas que xeran uns 4.000 postos de traballo cun nivel de facturación que supera os 900 millóns de euros, segundo os datos apuntados por Daniel Ramos.