UGT pídelle ao 2017 que a presenza de industria tecnolóxica aumente na comarca
Por Anxo Lourido
Como todas as festas de Nadal, o sindicato UGT organizaba este xoves o seu encontro de delegados e simpatizantes na súa sede situada no edificio sindical da rúa Pasantería. Alí, o secretario comarcal Ramón Vidal facía un chamamento ao goberno central para que derrogue as últimas dúas reformas laborais e que o 2017 ofreza unha situación laboral máis estable con menos distanciamento salarial e eliminando as diferenzas sociais.
Vidal reclama un traballo estable e que permita unha vida en condicións dignas para os cidadáns. Neste sentido, o sindicalista entende que é necesario diversificar e fomentar empregos coa implantación de empresas de futuro na comarca, que ofrezan un traballo non dependente nin precario, senón que acheguen un valor engadido. Por este motivo, UGT considera que o futuro debe exporse no sector tecnolóxico e de formación.
Entende que o sector de servizos, moi centrado na hostalería, que impera actualmente na comarca sofre unha gran dependencia da economía xeral e iso leva á falta de estabilidade.
Desde o sindicato temen que en 2017 a situación laboral continúe na mesma liña actual e o emprego sexa precario e fundamentalmente con duración temporal.