Jacobo Moreira pecha filas co goberno do BNG no conflito polos lindes con Poio
Por Natalia Puga
As discrepancias continuas entre o goberno local do BNG e o líder da oposición, o PP, quedan apartadas se o asunto que se pon sobre a mesa é o conflito dos lindes que se mantén desde hai anos co veciño municipio de Poio. O portavoz 'popular', Jacobo Moreira, asegurou este mércores que "nosotros ahí estaremos con el gobierno".
Moreira mostra desta forma unha postura totalmente oposta ao portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, que hai semanas instalou fronte á ponte das Correntes un cartel dando a benvida ao Concello de Poio, como quen toma posesión dun territorio. En relación con esta diferenza de opinións dentro de mesmo partido, explicou que "cada grupo municipal tiene que defender los intereses de su municipio" e, neste asunto, "estaremos en la postura que mejor defienda los intereses de Pontevedra".
O portavoz do PP fai, ademais, un chamamento para "generar un deslinde de manera definitiva" tanto con Poio como con Marín. Este último está xa en mans da Xunta e o de Poio, pendente de que entre este mércores e este xoves termine o prazo para presentar alegacións ao último informe do Instituto Xeográfico Nacional e, a continuación, o goberno autonómico emita un ditame.
Moreira pide que se axilicen ambos os trámites para "acabar con la incertidumbre que existe en la actualidad" e porque a existencia dunhas fronteiras ben definidas e definitivas "generaría seguridad jurídica" tanto para actuacións de obras públicas como para intereses privados dos veciños dos municipios afectados. "Es un tema que nadie quiere tocar, pero que hay que resolver de una vez", empraza.
APROBACIÓN DO ORZAMENTO
O portavoz do PP pontevedrés compareceu en rolda de prensa para analizar o resultado do Pleno da Corporación do venres 23 de decembro, no que se aprobou o proxecto de orzamento para 2017 proposto polo grupo de goberno grazas á abstención de Marea Pontevedra. Cinco días despois da sesión, recoñeceu que "hoy por hoy" aínda non tomaron unha decisión sobre se recorrerán ou non as contas e anunciou que "valoraremos" se fala con algunha asociación para que presente alegacións no período de exposición pública.
Jacobo Moreira mostrouse moi crítico coa actuación tanto do BNG como de Marea neste asunto e sinalou que o seu grupo está "todavía analizando" o resultado do Pleno e a "nueva situación política que se genera" a raíz do pacto alcanzado polos dous partidos para aprobar os orzamentos. Respecto diso, recoñece que o acordo "era lo natural desde el principio puesto que los que están en Marea la mayor parte procedía del BNG y es bueno que en Navidad vuelvan a casa".
O líder 'popular' lamentou que o que se negociou antes dese Pleno entre o BNG e Marea non foron os orzamentos de Pontevedra, senón os de Santiago de Compostela e a cidade do Lérez foi tratada como "una ciudad de segunda" e unha "moneda de cambio" para os intereses de Compostela Aberta. Ademais, criticou que Lores dedicouse a "esperar" que lle arranxasen o seu problema desde Santiago, tanto a líder do seu partido, Ana Pontón, como o alcalde compostelán, Martiño Noriega.
Relacionadas:
-
Un novo informe do Estado sitúa Bombeiros e parte da Xunqueira de Alba en Poio
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra e Poio, dispostos a chegar a acordos pola ponte das Correntes e a Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Pontevedra pedirá aclaracións ao informe do Instituto Xeográfico sobre os lindes con Poio
Por Redacción |
-
A abstención de Marea permite o BNG aprobar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP toma posesión dos terreos da Xunqueira de Alba e reclama o servizo dos Bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
O conflito dos lindes con Pontevedra, próximo a resolverse en favor de Poio
Por Alejandro Espiño |