Queren que Pontevedra sexa sede permanente do Congreso de Ozonoterapia
Por Anxo Lourido
Igual que Chicago é referente mundial en Radioloxía, Juan Carlos Pérez Olmedo, director do Centro Ozonoterapia-Saúde de Pontevedra, quere que a cidade do Lérez se converta en sede permanente do Congreso de Ozonoterapia.
En 2009 xa foi anfitrioa deste congreso, que posteriormente se seguiu celebrando en Madrid. Agora, Pérez Olmedo volve organizar outro evento destas características que se desenvolverá entre o 15 e o 17 de xuño no Pazo da Cultura coa presenza de máis de 170 especialistas nesta terapia procedentes de preto de 30 países. O promotor quere que esta cita congresual teña continuidade no tempo.
O ozono é unha molécula que se pode empregar como tratamento complementario nos casos de enfermos de cancro. Entre as súas propiedades destaca que é antioxidante, osixenante, xermicida, antiinflamatorio e analxésico, cunha característica fundamental, non ten contraindicacións nin produce efectos secundarios.
Este mércores, o especialista pontevedrés presentaba ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores os aspectos fundamentais do Congreso e apuntaba que Pontevedra converteuse nun lugar onde acoden persoas de diferentes puntos da península e mesmo de Estados Unidos, Alemaña ou Italia para ser tratados con estas técnicas que se aplican, ademais de en casos de cancro, en enfermendades dexenerativas, fibromialxia ou en artrose.
Sinala que o ozono conta con numerosas propiedades pola súa capacidade oxidante, emprégase no proceso para que a auga sexa potable. Ao congreso asistirá, entre outros profesionais desta técnica, Eugenio Luigi Iorio, médico e presidente do Observatorio Internacional de Stress Oxidativo. Pérez Olmedo indicou que os beneficios que se obteñan nesta cita no Pazo da Cultura van destinarse, a través da organización Ozonoterapia Solidaria, a pacientes sen recursos.
E apuntou que, na cidade, non son moitos os doentes que se sometan a este tratamento. "Nadie es profeta en su tierra", sinalou o especialista pontevedrés.