18 anos tomando as uvas por adiantado
Por Redacción
A festa da toma das uvas de Vilagarcía chega á súa maioría de idade. Para esta ocasión tan especial a concellería de Xuventude preparou unha celebración por todo o alto e coa que se pretende dar un novo impulso a este multitudinario evento co que a cidade celebra a plena luz do día e doce horas antes do resto de España a chegada do novo ano.
O departamento que dirixe Sonia Outón apostou pola espectacularidade, o colorido e asombrosas performances nas que intervirán fantásticos bonecos xigantes, haberá números acrobáticos, xogos con luces e lume e danza. E por suposto, non faltarán as uvas, o cava para os brindes dos adultos, e as gominolas e os bebibles lácteos para o dos cativos.
A Festa das Uvas terá lugar, como de costume, no mediodía do día 31 de xaneiro, data que este ano cae en sábado polo que se espera aínda moita máis afluencia de xente que o que é costume. Aínda que o epicentro da celebración é a Praza de Ravella, a animación comezará a partir das 10 da mañá polo centro da cidade.
Os bonecos xigantes da compañía Pablo Méndez Performances percorrerán a rúa Castelao, a Praza de Galicia, A Baldosa e Rey Daviña para ir animando á xente a acompañalos ata a Praza de Ravella. Alí, a animación musical e infantil dará comezo ás 11 da mañá.
Os postos de reparto das uvas, do cava, das gominolas e dos bebibles lácteos abrirán ás 11.15 horas, con tempo suficiente para que os asistentes vaian facendo acopio dos ingredientes necesarios para recibir ao 2017 como manda a tradición.
Ás 11:45 horas haberá un espectáculo sorpresa para despedir ao ano que remata e ir dando paso ás badaladas de mediodía que dará o reloxo da Casa Consistorial e ao ritmo das cales todas as persoas presentes na praza irán tomando as uvas ou as gominolas. Tras o brinde e as felicitacións haberá outro espectáculo sorpresa e a festa continuará ata as dúas da tarde.
A concellería de Xuventude dispón para a festa de 350 quilos de uvas que repartirá en bolsas coa ración de 12 uvas, 401 botellas de cava que se servirá en vaso para o brinde, 700 bolsas de gominolas e bebibles lácteos.