A Policía pide aos concellos elevar a súa seguridade no Nadal tras o atentado de Berlín
Por Redacción
O ministerio do Interior volveu lembrar ao goberno local de Pontevedra, con motivo da situación de alerta 4 na que se atopa España, as medidas que debe de adoptar durante as festas do Nadal para evitar actos terroristas. Entre elas, pídese a instalación de bolardos para evitar a presenza de vehículos de gran tonelaxe polo centro da cidade.
A concelleira Carme da Silva apunta que habitualmente non circulan vehículos de grandes dimensións polo centro da cidade pero, en todo caso, instalaranse bolardos na praza de España e en Benito Corbal que impidan o acceso á contorna da Peregrina.
A Policía Nacional pediu aos concellos que, tras o atentado nun mercado do Nadal en Berlín, extremen as medidas de seguridade. O Ministerio do Interior xa anunciou que reforzará a presenza policial nestes espazos.
O goberno local de Pontevedra trasladará unha circular aos axentes da Polícia Local, apuntou a concelleira, para que permanezan localizables para intervir no caso de que se produza unha situación grave.
A Comisaría Xeral de Seguridade remitiu aos xefes superiores un oficio no que urxe á convocatoria urxente das xuntas locais de seguridade ou as comisións de coordinación para que se aborden as "medidas de protección física que impidan ataques semellantes" aos levados a cabo con camións de gran tonelaxe en Niza ou en Berlín.
Precisamente este venres tivo lugar unha reunión da Xunta Local de Seguridade no Concello de Marín para abordar este asunto. Preocupa especialmente a organización da Cabalgata de Reis.