Marín lanza a campaña "O sexo sempre con-sentido"
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín, a través da Concellería de Benestar Social e o CIM, organizou unha campaña con motivo do Día Internacional da SIDA, para sensibilizar á poboación mais nova sobre a importancia do uso do preservativo.
Segundo datos da Academia de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV) do ano 2016, un de cada catro adolescentes padecerá unha enfermidade de transmisión sexual antes de rematar o Bacharelato. A problemática ven da despreocupación e as condutas de risco que adoptan nas súas prácticas sexuais habituais.
Os mozos entre 15 e 24 anos representan o 50% das persoas que son diagnosticadas de enfermidades de transmisión sexual (ETS) cada ano, e un 25% porta o virus do papiloma humano. Os factores de risco entre outros, son a práctica de sexo sen protección, as relacións sexuais a idades máis temperás ou o abuso do alcohol e as drogas.
Con estes datos tan preocupantes o concello de Marín lanza unha campaña con perspectiva de xénero dirixida á xuventude, co lema "O sexo sempre CON-SENTIDO".
O obxectivo é incidir sobre a importancia de levar a cabo prácticas sexuais consentidas, de forma voluntaria e sen obrigación de agradar ou por imposición.
O "Sexo con-sentido", insiste na necesidade de evitar condutas de risco, a través do uso habitual do preservativo, por ser o método de protección máis eficaz.
A parte práctica da campaña consiste na dispoñibilidade de material preventivo (preservativos) de forma gratuíta e anónima en diferentes instalacións do concello: Museo Manuel Torres, biblioteca "Vidal Pazos", Casa Consistorial, Centro Municipal de Servizos Sociais e CIM, situados na Finca de Briz. O material foi doado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
Así mesmo, achegaranse cartafois sobre a campaña aos centros educativos para colaborar na sensibilización e información sobre a importancia de coidar a saúde sexual.