O PXOM de Caldas recibe un novo visto bo
Por Redacción
O novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Caldas de Reis acaba de recibir a aprobación definitiva parcial. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Urbanismo, Beatriz Mato, trasladoullo ao alcalde de Caldas de Reis, José Manuel Rey Rey, durante unha reunión celebrada este xoves, na que se asinou a orde de aprobación parcial.
Esta aprobación chega despois de que o Concello de Caldas remitira o PXOM o 14 de novembro á actual Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, solicitando a súa aprobación definitiva. Unha vez que os técnicos analizaron o documento, aprobado provisionalmente polo Pleno Municipal do pasado 11 de novembro, puido emitirse a orde de aprobación definitiva parcial.
A decisión afecta ao 96% do territorio, polo que queda en suspenso un 4% do ámbito do termo municipal. En concreto, quedan pendente de aprobación 3 dos 19 solos urbanizables propostos polo Concello de Caldas ao non estar convenientemente xustificados ou parcialmente suxeitos á diversas afeccións sectoriais coma a de augas e infraestruturas.
Beatriz Mato indicou ao rexedor municipal que o concello deberá facer unha serie de correccións para emendar as deficiencias dos ámbitos que quedan sen aprobar e redactar un novo documento refundido para, logo dos trámites oportunos, someterse novamente a aprobación definitiva.
O plan xeral supuxo estudar en detalle cada unha das case 6.850 hectáreas (68,5 kilometros cadrados) do concello. Coas determinacións do PXOM dispóñense de 54 hectáreas de espazos libres e zonas verdes.
O solo urbano supón o 2% (138 hectáreas) da superficie do concello e o urbanizable delimitado e non delimitado o 3,50% (238 hectáreas). Os núcleos rurais, coa súa banda de expansión constitúen preto do 9%. Dos 71 núcleos, 53 pertencen ao tipo de núcleo rural complexo (75%), 13 delimítanse como histórico tradicionais (18%) e tan só 5 deles delimítanse como comúns (7%). Case un 86% do termo municipal cualifícase como solo rústico de especial protección.