Detido o condutor dunha espectacular persecución policial por Pontevedra, Marín e Bueu
Por Natalia Puga
Circulou en sentido contrario á circulación, alcanzou velocidades de ata 155 quilómetros por hora en zonas limitadas a 80 e de 120 en tramos de 50, cruzou por enriba dunha mediana, puxo en perigo a numerosos vehículos e peóns, ignorou sinais luminosos e acústicos emitidas pola Policía Local para que detivese a súa marcha e todo cun vehículo que non era seu e sen ter permiso de conducir.
Podería ser o argumento dunha película, pero é a escena que protagonizou un pontevedrés por diversas rúas do centro da cidade e pola autovía de Marín e esta localidade ata Bueu. A espectacular persecución policial produciuse a mediodía do venres 5 de outubro, pero o protagonista non logrou ser localizado ese mesmo día. Deulle esquinazo a un motorista da Policia Local que o seguiu ata a rotonda de Mogor pero logo perdeuno a pista ao introducirse este por estradas secundarias.
Finalmente, unha patrulla detívoo este martes día 9, cinco días despois, na súa casa do centro de Pontevedra e púxolle a disposición xudicial como autor de varios delitos contra a seguridade viaria, entre eles o de condución temeraria. O vehículo co que protagonizou a escena relatada fora localizado momentos antes nun aparcadoiro da rúa Rosalía de Castro.
A persecución que protagonizou comezou a partir das 13.50 horas. Dous axentes motorizados da Policía Local encontrábanse na rúa Manuel del Palacio ante a presenza de varios vehículos estacionados sobre a beirarrúa cando observaron que un turismo Nissan Sunny facía un xiro prohibido en drección a Marín.
Fixo ademán de pararse ante os sinais da Policía e, no último momento, esquivounos
Os axentes acenderon os sinais acústicos das súas motos e seguiron a marcha do vehículo pedíndolle que se detivese. Nun primeiro momento fixo caso omiso á presenza policial, pero, nun momento dado, fixo ademán de deterse, de forma que un dos policías se puxo á súa altura para dalo o alto. Nese momento, a reacción do conductor foi dar marcha atrás, esquivar o axente e seguir a marcha en dirección á avenida de Marín e a rotonda de San Roque, pero no sentido contrario á circulación marcada para a vía.
A outra moto policia seguiulle e contabilizou que alcanzou unha velocidade de 70 quilómetros por hora nun tramo limitado a 30. Debido á velocidade á que circulaba e a que circulaba en sentido contrario, varios vehículos tiveron que desviarse do carril para deixarlle paso e evitar colisións. Seguiu con este proceder ata que, nun momento dado, se subiu á mediana, saltouna e cambiou de sentido para ir no correcto.
A patrulla que o seguía realizou a mesma manobra, sempre cos sinais acústicos e luminosos acendidos para alertar o resto de condutores. Ao chegar á altura da rotonda de San Roque, o condutor do Nissan xirou na glorieta en sentido contrario ao correcto e seguiu pola avenida de Marín, sen minorar a marcha de 70 quilómetros por hora nin sequera ante os pasos de peóns.
O condutor chegou aos 155 quilómetros por hora pola autovía de Marín e os 120 en Os Praceres
Cando se incorporou á autovía de Marín chegou a alcanzar os 155 quilómetros por hora, estando a vía limitada a 80, e á altura do colexio Sagrado Corazón dos Praceres circulou a 120 por hora nun tramo estipulado para 50. En todo ese traxecto, varios coches tiveron que apartarse da calzada para non seren alcanzados e os peóns botarse cara a atrás na beirarrúa. Ademais, o Nissan estivo a punto de saírse da calzada en varias ocasións.
Durante todo o percorrido, segundo a versión achegada polo axente que o seguía, realizou varios adiantamentos perigosos que puxeron en risco os condutores que circulaban tanto polo seu mesmo carril como pola contra. Seguiu polo centro de Marín e, xa á saída do núcleo urbano, obrigou un autobús escolar a deterse para non colidir.
A persecución prolongouse pola estrada que une Marín e Bueu ata que, despois da rotonda de Mogor, o turismo se meteu por pistas secundarias e o motorista que o seguía perdeuno de vista. A pesar diso, durante todo o percorrido logrou rexistrar os datos do seu vehículo e matricula e tamén chegou a verlle a cara.
Con estes datos, a Policía Local acabou identificando o condutor como un veciño de Pontevedra de 39 anos e comprobou que carecía de permiso de conducir porque nunca chegou a obtelo. O martes acabou localizándoo e descubrindo que o coche no que protagonizou a fuxida da Policía Local non era da súa propiedade.