Marín coida o viario de praias para seguir sendo Sendeiro Azul
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín acomete estes días varias actuacións no viario de praias, unhas melloras que contan con financiamento da Deputación dentro do convenio asinado polo Concello de Marín para potenciar este sendeiro azul.
O orzamento ascende a 15.000 euros e inclúe o pintado e sinalización dos viarios, a elaboración dun tríptico, dun panel e da colocación en Mogor e Loira de mesas e bancos de pedra que substitúen aos de madeira que estaban moi deteriorados.
Este sendeiro azul é unha ruta moi frecuentada non soamente en época estival, senón todo o ano e recibe esta denominación ao discorrer entre dúas praias de bandeira azul. Este verán a Adeac concedeu o distintivo por primeira vez, algo que o Concello espera que se repita en 2017.
Esta ruta alterna camiños de asfalto, sendas naturais e lugares de especial interese arqueolóxico e patrimonial como o miradoiro da Barriada Pérez Crespo de Mogor e o Centro de Interpretación dos Petróglifos que adquiriu tamén a condición de centro azul.
Todos estes elementos permiten, xunto ao seu alto valor paisaxístico, considerar ao paseo das praias de Marín como unha das mellores rutas. E tamén require un constante labor de coidado e mantemento.
Relacionadas:
-
Nava Castro comproba en Marín o resultado do plan de sinalización de recursos turísticos
Por Redacción |
-
Marín solicita un novo sendeiro azul para o roteiro dos cinco miradoiros
Por Redacción |
-
Este ano aos marinenses custaralles menos ir ao cemiterio
Por Oskar Viéitez |
-
16.000 euros para a mellora do sendeiro azul 'A ruta das praias' de Marín
Por Redacción |