Unha vintena de expositores participan no mercado de Nadal de Bueu
Por Redacción
O espazo exterior da praza de abastos de Bueu e o seu segundo andar acollerán o venres 23 de decembro un mercado especial de Nadal, no que haberá un total de vinte e un expositores tanto de gastronomía, como de artesanía e horta.
Na súa presentación, o alcalde da vila, Félix Juncal, destacou que o obxectivo é "complementar a actividade comercial do municipio nunhas datas tan especiais".
Así, haberá postos gastronómicos con conservas, cervexa, repostería de Nadal, embutidos, queixos froitos secos ou produtos da horta, ademais de artesanía, con produtos de coiro, pel, xoiería botánica, hixiene ou incluso aromaterapia.
Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica, destacou que este mercado é tamén unha oportunidade para todas aquelas persoas que están fóra “e non poden asistir aos mercados ecolóxicos que organizamos ao longo de todo o ano”.
De feito, nesa aposta firme polo produto local e ecolóxico, se enmarca este mercado especial de Nadal, que ten como máxima a adoptada nos mercados temáticos e ecolóxicos: os produtos manufacturados e ecolóxicos, en oposición aos industriais.
Entre as 10 e as 14 horas e das 17 ás 20 horas, ademais do mercado haberá diversas actividades como o obradoiro Larpeiradas da terra, a demostración de soprado de vidro por un artesán que participa no mercado ou a actuación estelar do Mago Mario.