O goberno local de Ponte Caldelas presenta uns orzamentos "sociais" que o PP critica pola súa "parálise"
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Ponte Caldelas presentou uns orzamentos para 2017 que "continúan apostando polas políticas sociais e poñéndose ao lado dos seus veciños", segundo a súa propia valoración.
O ano 2017 chegará cunha importante rebaixa na carga impositiva para todos os caldeláns por mor da modificación das ordenanzas de subministro de auga e do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) aprobada a finais de setembro.
O goberno local de Ponte Caldelas, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, salienta que as novas ordenanzas aprobadas polo Concello bonifican ás persoas en risco de exclusión, ás familias numerosas e aos que sofren unha discapacidade.
Ademáis apunta que o tempo que reduce impostos, o Concello reduce a débeda nun 20% ata deixala en 588.000 euros a finais de ano e prevé cumprir a norma de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e morosidade.
Un camiño "espectacular", engaden, cando "o actual equipo de goberno herdou un burato de case un millón de euros do PP, produto dunha política irresponsable de petición de créditos a intereses moi elevados". Uns préstamos que non terminarán de pagarse ata o ano 2022.
O PP CRITICA A "PARÁLISE"
O Partido Popular de Ponte Caldelas rexeita este orzamento presentado polo goberno tripartito, xa que supón unha "parálise" para o municipio.
Para o grupo da oposición, "o proxecto de orzamento non aborda ningún investimento de calado con fondos municipais, xa que só prevense investimentos con fondos propios por 37.942 euros dun orzamento de 3.386.422 euros"
Segundo o voceiro popular Ricardo Castro, nas contas do tripartito "non se orza ningunha obra para o saneamento nas parroquias do municipio e tampouco se reserva nin un euro para a construción do patio cuberto e o comedor do CEIP da Reigosa".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas pagou os provedores en 2016 cunha demora de apenas 24 días
Por Redacción |
-
O BNG di que no orzamento "hai máis investimentos propios" que no último goberno do PP
Por Redacción |
-
Redución da débeda e baixada dos impostos, eixos dos orzamentos 2017 de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas prevé reducir a súa débeda en 2017 ata os 588.000 euros
Por Redacción |