Cáritas de Ponte Caldelas inaugura a segunda edición do seu mercadiño solidario
Por Redacción
Cáritas de Ponte Caldelas abriu, por segundo ano, o seu mercadiño solidario de Nadal, un espazo no que mercar os agasallos para estas datas convértese tamén nun xesto de apoio cara as persoas máis desfavorecidas.
O acto de inauguración celebrouse este luns, coa presencia do director da organización benéfica no municipio, Manuel Lois Martínez, e do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, quen subliñou o gran pracer que supón contar no municipio "con persoas que ocupan todo o seu tempo libre en axudar aos demais".
O mercadiño é tamén un evento cunha programación sociocultural propia, pois este luns celebrouse un concerto de música de Nadal a base de panxoliñas e, a continuación, a actuación do coro de cámara Thalassa, de Marín, gracias á colaboración da Asociación de Amigos da Igrexa de Santa Baia.
O próximo día 3, haberá unha mesa redonda baixo o título "Aproximación á nosa realidade social máis cercana", que contará coa participación da traballadora social Ana María Pazos e a educadora Eva María Moldes. Actuará como moderador, Manuel Lois.
Cáritas comezou a súa andaina en Ponte Caldelas en 2014 e desenvolve un importantisimo labor, centrado especialmente nas parroquias de Ponte Caldelas, Anceu, Caritel, Taboadelo e Xustáns.
Dende o ano pasado celebra este Mercado Solidario, que é xa un evento de referencia.
Un importante número de persoas benefícianse do traballo desinteresado dos voluntarios e a colaboración co Concello intensifícase ano tras ano, como sucedeu hai poucas semanas coa entrega de case dúas toneladas de alimentos recollidos no concerto do quilo solidario, organizado tamén gracias á iniciativa do grupo de gaitas e baile Os Coribantes.