Martiño Noriega avoga por un acordo entre Marea e BNG: "É o lóxico e o que a xente espera"
Por Redacción
A situación do orzamento municipal de Pontevedra segue no centro do discurso político, tamén a nivel autonómico. O último en pronunciarse respecto diso foi o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que teme un "efecto contaxio" na capital galega que dificulte a aprobación das contas que prepara Compostela Aberta, a marea compostelá.
Así, o rexedor santiagués avogou porque Marea Pontevedra e o BNG acaben atopando un "punto de encontro" e os primeiros apoien o orzamento do goberno pontevedrés porque "entendo que é o lóxico e o que a xente espera".
Nun almorzo informativo con xornalistas, Noriega non quixo profundar na situación de Pontevedra porque "non teño elementos de xuízo", pero entende que debería haber certa consonancia "entre o modelo de cidade que leva representando desde hai moitos anos o BNG e a posición de rexeneración da marea".
O líder de Compostela Aberta, un dos principais referentes das mareas galegas, teme que a situación en Pontevedra afecte a unhas negociacións que, en Santiago, están moi avanzadas co BNG para aprobar os orzamentos municipais, aínda que recoñece que esta preocupación non a comentou cos nacionalistas.
"Hai cousas que non son necesarias falar para que todos entendan que poidan afectar", dixo.
En todo caso, Martiño Noriega asegurou que non tentará influír no devir dos acontecementos na cidade do Lérez porque o seu goberno "unicamente pode operar onde ten chegada, na dinámica local e no diálogo cos grupos da oposición" en Santiago.
Relacionadas:
-
Luis Villares, "orgulloso" do papel de Marea Pontevedra en relación co orzamento municipal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Tranquilidade no goberno local tras impugnar o PP a convocatoria do pleno dos orzamentos
Por Diego Espiño |
-
Lores someterá ao pleno só os orzamentos do BNG, a pesar dun ambiguo informe municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira di que os técnicos "no miran con el mismo celo" as propostas do goberno e da oposición
Por Alejandro Espiño |
-
VIDEO.- Lores apraza ao venres o orzamento e vincularao a unha moción de confianza se non é aprobado
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Tino Fernández, portavoz do PSOE, pide un debate público con Lores para tratar o tema do orzamento
Por Redacción |