Así salvou un policía pontevedrés un home a piques de morrer atragantado
Por Redacción
Un axente da Policía Nacional de Pontevedra fóra de servizo logrou salvar a vida dun home cando corría perigo de morrer atragantado cun anaco de carne grazas aos seus coñecementos de primeiros auxilios e, en concreto, da coñecida manobra de Heimlich, que nos últimos días volveu á actualidade tras a morte do doutor que a inventou.
Todo ocorreu na noite do sábado, 17 de decembro. O axente estaba fóra de servizo celebrando unha cea do Nadal cuns amigos nun coñecido restaurante da rúa Oliva cando escoitou que alguén gritaba nunha mesa próxima.
Un dos comensais desa mesa presentaba síntomas de afogamento tras atragantarse cun anaco de carne, polo que o axente pontevedrés non dubidou en achegarse e efectuarlle a manobra de Heimlich, un procedemento de primeiros auxilios para desobstruir o conduto respiratorio bloqueado por un anaco de alimento.
Coa súa pronta intervención, o axente logrou evitar o fatal desenlace. Ademais, segundo indican os seus compañeiros da Comisaría Provincial, no restaurante había tamén un médico que felicitou ao axente pola súa rápida actuación.