Bueu, coa educación non sexista un ano máis
Por Redacción
A educación non sexista é unha prioridade e unha realidade en Bueu desde hai moito tempo e este ano 2016 non ía ser menos. Este luns presentouse a décima edición da Campaña de Educación Non Sexista no CEIP de A Pedra.
O acto, no que se entregaron calendarios confeccionados coa imaxe da campaña, contou coa participación das concelleiras de Igualdade e Educación, Ana Isabel Otero e María Teresa López; e a psicóloga do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Beatriz Monroy.
A imaxe empregada nos calendarios é a gañadora do certame 'A igualdade no traballo', convocado con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e no que venceu un neno de sexto curso de Primaria, Salvador Santos Piñeiro, cun debuxo no que se pode ver a homes e a mulleres desempeñando todo tipo de traballos. Ao concurso concorreron un total de 236 viñetas.
As concelleiras de Educación e Igualdade destacaron a colaboración dos centros educativos, do profesorado e do alumnado, que reflexiona sobre o que simboliza a igualdade entre homes e mulleres e o camiño que hai que percorrer para lograla. Insistiron no importante papel que xoga a formación para lograr acabar con esta lacra social.