O Apalpador animará o nadal en 27 municipios da provincia
Por Redacción
O programa 'Nadal en Galego' da Deputación de Pontevedra levará ata 27 municipios da provincia un espectáculo protagonizado polo 'Apalpador'.
Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar entre nenos o coñecemento sobre a cultura e a tradición galegas vinculadas ao Nadal.
O percorrido iniciouse o pasado xoves en Cangas, e este luns chegou ao CEIP A Florida de Sanxenxo, o CEIP Isadora Riestra de Poio e a Cidade Infantil Príncipe Felipe.
"É moi importante manter este programa, que primeiro se levará polos centros educativos e ao que comecen as vacacións para a rapazada irá a outros espazos elixidos polos propios concellos" indicou o deputado provincial Xosé Leal en Poio.
Leal asegurou que "levar a figura do Apalpador polas comarcas da provincia é fundamental nesta época, porque así os máis pequenos e pequenas poden familiarizarse coas nosas tradicións e coas nosas raíces culturais".
O programa xa se puxo en marcha o pasado ano, cunha actuación na súa maioría musical que supón un percorrido polas lendas da cultural nas montañas galegas.
O Apalpador representa unha figura mítica, que orixinalmente se representaba como un carboeiro de barba vermella que, segundo a tradición, baixaba aos pobos desde as montañas a noite do 24 ou do 31 de decembro para tocar o ventre dos nenos e ver se comeran o suficiente durante o ano a cambio de agasallos e castañas, desexándolles un ano novo cheo de felicidade.
Consulta aquí as datas e lugares que visitará o programa 'Nadal en Galego'.