O Pazo da Crega, epicentro de tres semanas de programación de Nadal en Barro
Por Redacción
O Pazo da Crega será durante este Nadal o epicentro da vida cultural e de lecer de Barro. O Concello organizou unha programación entre este luns 19 de decembro e o 7 de xaneiro que inclúe teatro, folclore, música e festas infantís.
A programación destas tres semanas está pensada para diferentes gustos e idades, de maneira que inclúe actividades variadas, pero que comparten ubicación. Neste Pazo daranse cita o Apalpador, Papá Noel ou os Reis Magos e, para recibilos e acoller todas as actividades, estará ambientado con decoración de Nadal.
O mércores 21 de decembro procederase ao acendido do alumeado e a inauguración das instalacións no Pazo, e a cabalgata de Reis volverá a celebrarse, ao igual que o ano pasado, o xoves día 5 pola tarde.
Na programación destaca a participación dun gran número de entidades de Barro, desde grupo de danzas a coros, coral polifónica ou banda xuvenil.
Xunto con esta programación tamén se puxo en marcha as actividades de 'Nadal na biblioteca' e 'Espazos de Lecer no Nadal' para que os nenos que van gozar dunhas semanas de vacacións tamén sexan parte activa do Nadal en Barro.