Cespa convoca ao comité de empresa para evitar unha folga na recollida do lixo a partir do 25 de decembro
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O comité de empresa de Cespa-Ferrovial, concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo en Pontevedra, ten convocada unha folga a partir do próximo día 25 de decembro, día de Nadal.
O responsable da área de Servizos de Limpeza de UXT Galicia, Juan Carlos Corredoira, informou do fracaso da última negociación laboral. Foi un breve encontro mantido o pasado venres no que a dirección da empresa rexeitou a principal petición dos traballadores, o recoñecemento da antigüidade.
Os representantes de Cespa-Ferrovial esgrimiron un estudo económico no que se apunta a imposibilidade de facer fronte aos gastos derivados da antigüidade do seu persoal que estiman en 60.000 euros.
Con todo, este luns o comité de empresa mostrou os seus propios cálculos que son ben diferentes. Apuntan que o gasto a maiores que debe asumir Cespa en retribución á antigüidade dos seus empregados non excedería os 25.000 euros entre os 23 traballadores aos que teñen recoñecida esta retribución.
Ademais o comité de empresa asegura que Cespa se aforrou máis de 300.000 euros no últimos tres anos en concepto de xubilacións e prazas vacantes que quedaron sen cubrir.
Corredoira informou que este venres o persoal ten previsto celebrar unha asemblea para abordar todo o relativo á mobilización que comezará ás dez e media da noite do 25 de decembro.
Os traballadores xa miran cara ao Concello de Pontevedra para que force unha mediación coa concesionaria.
Con todo, a última hora da tarde deste luns, o comité de Cespa Pontevedra comunicou que foi convocado pola empresa a unha nova xuntanza de negociación do convenio colectivo.
Esta celebrarase o martes 20 de decembro ás 12 da mañá nos locais da empresa na rúa Andrés Muruais.
Relacionadas:
-
Desconvocada a folga no servizo de recollida de lixos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Preacordo entre Cespa e traballadores. Se o persoal o ratifica non haberá folga
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello insta a Cespa a retomar as negociacións para evitar a folga na recollida de lixo
Por Alejandro Espiño |
-
Os traballadores da recollida de lixo convocan unha folga indefinida a partir do día de Nadal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os traballadores de Cespa aproban unha folga indefinida do servizo do lixo
Por Redacción |