Pontevedra garda silencio tras unha fin de semana negra con tres asasinatos machistas
Por Mónica Patxot
Pontevedra manifestou este luns o seu rexeitamento á violencia de xénero tras unha fin de semana negra con tres mulleres asasinadas en 48 horas en Santiago de Compostela, Vigo e Tarragona. Nunha concentración conxunta ás portas do Teatro Principal, o Concello e a Deputación pediron maior implicación da Xunta de Galicia e o Goberno estatal dotando de máis medios e recursos a loita contra esta lacra social.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lamentou que no que vai de ano xa van en España 43 mulleres asasinadas en casos de violencia de xénero, tres delas en Galicia, e volveu insistir "con máis indignación, se cabe" en que o Goberno e a Xunta teñen que poñer "recursos xa e actuación xa".
"Non podemos seguir facendo minutos de silencio cada vez que se produce un asasinato para mostrar o noso rexeitamento, pero que non terminan con algo que causa tanta indignación social", sinalou Carmela Silva, tras gardar cinco minutos de silencio acompañada polos gobernos provincial e municipal de Pontevedra e por funcionariado de ambas as institucións.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ve inadmisible que a estas alturas do século XXI "non só non estean a diminuír os asasinatos contra as mulleres senón que se estean incrementando ou polo menos mantendo" e reivindica que "obviamente" as administracións publicas "teñen que poñerse a disposición de todas as vítimas".
Consciente de que "esta é unha loita longa e complexa na que todos estamos implicados", o alcalde pontevedrés insistiu en que a loita debe comezar pola escola para traballar desde a infancia e "cambiar eses roles que están moi introducidos na sociedade. Nesta mesma liña, Carmela Silva considera que hai traballar desde a educación para fomentar a igualdade, o respecto das persoas sexa cal for o seu xénero e dar ás vítimas recursos que lles permitan saír de "esa rede de violencia machista".
Relacionadas:
-
Detido un home en Pontevedra como presunto autor de violencia machista e de roubo dunha pensión
Por Redacción |
-
Convocan a unha concentración de repulsa ante o Teatro Principal polo crime da moza de Vigo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Unha muller denuncia as "babosadas duns machotes" que instalaban a iluminación do Nadal
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
RADIO.- "Cando un home exerce violencia sobre a súa parella, tamén a está exercendo sobre os seus fillos"
Por Marisa Ciordia |