Éxito de exportacións da D.O. Rías Baixas, que mira con preocupación a Donald Trump
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A Denominación de Orixe Rías Baixas incrementou en máis dun millón de litros e máis de seis millóns de euros as súas vendas internacionais durante a campaña 2015-16. Un éxito recoñecido pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que este luns 19 visitaba a sede do Pazo de Mugartegui. Os viños de albariño mostraron unha tendencia á alza nas súas exportacións entre o 1 de setembro e o 30 de agosto deste ano. As cifras son espectaculares. Incrementouse en máis do 21% a cifra de venda en mercados internacionais alcanzando os 6.240.272 litros.
97 adegas das 180 adscritas á Denominación forman parte dos plans de exportación, tal como sinalaban tanto o presidente Juan Gil de Araujo como o xerente e secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro durante o balance destes resultados.
América e a Unión Europea mostran a tendencia positiva con aumentos superiores ao 17 e ao 23% durante este período. América supera os 3.100.000 litros e os países europeos os 2.400.000 litros.
Huidobro destacaba que os viños da D.O. Rías Baixas atópanse entre os postos máis valorados dentro do conxunto das Denominacións de Orixe españolas e atópanse igualados á consideración que teñen os caldos franceses.
Máis do 65% do orzamento total do organismo destínase á promoción, tanto nacional como internacional. O xerente sinalaba que se está apostando polos mercados exteriores sen esquecer tanto o mercado nacional como o galego. "Para jugar la Champions tienes que ganar la Liga", indicou Ramón Huidobro. As vendas fóra das fronteiras españolas supoñen un 28% da produción total e atópanse en 64 mercados estranxeiros. O mercado en Xapón creceu en máis dun 56% con 176.409 litros, México aumentou máis dun 33% e Irlanda ofrece tamén outro sorprendente incremento situándose preto do 40%.
PREOCUPACIÓN POR TRUMP
En Estados Unidos a cifra chegou aos 2.370.135 litros, un aumento do 18,95%, seguido por Reino Unido con 1.103.909 litros, un incremento do 28,42%. Juan Gil sinalou que non se atopa preocupado polas consecuencias do Brexit, a pesar de que chegan mensaxes "pouco tranquilizadores" coa subida de impostos. Ramón Huidobro si sinalou que se atopan á expectativa da presidencia de Donald Trump e unha posible limitación das exportacións a Norteamérica.
Desde a Denominación de Orixe e tamén a conselleira destacaron o labor dos produtores e das adegas porque, sinalaban, que 5.500 familias foron capaces de lograr estas cifras de internacionalización. E para 2017 manteranse os plans de explotación en sete países: Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Benelux, México, Xapón e Irlanda, coa intención de introducirse no mercado polaco e canadense, ademais de en China e Francia, a través da feira bienal Vinexpo en Bordeus. Ademais, destacaron, que o prezo do litro do viño das Rías Baixas supera no mercado exterior os 5 euros, máis do dobre do prezo medio dos viños de denominacións de orixe.
Relacionadas:
-
Juan Gil de Araújo, reelixido como presidente da D.O. Rías Baixas
Por Redacción |
-
Tres de cada dez botellas de viño Rías Baixas véndense xa no estranxeiro
Por Redacción |
-
RADIO.- Trump: Imos cara a un cambio xeopolítico?
Por Marisa Ciordia |
-
Os "millennials" impulsan o consumo do albariño
Por Oskar Viéitez |
-
Os viños galegos amosarán as súas variedades de sabor na Casa da Luz
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Trump, presidente de Estados Unidos. Como afectará iso a Pontevedra?
Por Oskar Viéitez |