A chegada de turistas ás Rías Baixas logra na ponte de decembro 26 puntos máis ca en 2015
Por Redacción
O turismo mantén una liña crecente nas Rías Baixas e este ano 2016 non para de bater récords. Os últimos resultados positivos foron os da ponte festiva da Constitución e a Inmaculada este mes de decembro, na que as previsións falaban dunha ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra do 40% e finalmente se acadou o 46,75%.
Estes resultados supoñen, segundo dos datos facilitados pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, "26 puntos por riba que a mesma ponte do 2015".
Os resultados foron desiguais por comarcas, sendo especialmente positivos os da zona do Salnés (52%) e a área de influencia de Vigo (53%). Algunas localidades en concreto mesmo tiveron ocupacións similares ás dos meses de verán. Así, en Vilagarcía chegou ata o 70%, no Parador de Cambados houbo preto do 100% e na cidade de Vigo houbo porcentaxes de ata o 80% na primeira parte da ponte.
En Pontevedra a ocupación foi do 50%, 25 puntos por riba do que estimaba Turismo Rías Baixas, que nas previsións facilitadas ao inicio da ponte sinalaba que non se acadaría o 30%.
Segundo o perfil facilitado por Carmela Silva, o 89% dos visitantes da ponte foron españois, aínda que houbo un notable incremento do turismo alemán e inglés; a maioría tiñan entre 35 e 60 anos e viñan de cidades como Madrid e Barcelona para aloxarse en Sanxenxo, Vigo e O Grove durante 1 e 3 días.
Un dos datos que máis positivo resulta para a responsable da Deputación é que o 62% non coñecían as Rías Baixas antes, o que significa que a provincia segue a gañar novos visitantes e potenciais repetidores.
No seu balance en materia turística, Carmela Silva tamén indicou este venres que as oficinas de información turística da institución situadas no Palacete das Mendoza e no Mosteiro de Armenteira acaban de recibir a renovación da certificación 'Q' de Calidade Turística, outorgada polo ICTE (Instituto de Calidad Turística Española) e que será entregada co gallo de Fitur.
Relacionadas:
-
Do termalismo ao deporte e a Semana Santa, o turismo nas Rías Baixas colgará o cartel de completo
Por Redacción |
-
Pontevedra rexistrou unha ocupación hoteleira do 40% en decembro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación tende a man á Xunta para traballar polo turismo
Por Oskar Viéitez |
-
Previsións optimistas para o turismo esta ponte: unha ocupación do 40% nas Rías Baixas
Por Redacción |
-
"Espectaculares" datos turísticos en outubro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Tamén setembro marca record de ocupación hoteleira nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |