Pepe Solla, o "culpable" de que Rajoy por fin comera ben en Bruxelas
Por Alejandro Espiño
"Al fin he podido comer bien en Bruselas". Esas palabras de Mariano Rajoy, dirixidas ao pontevedrés Pepe Solla -como el mesmo recoñeceu aos xornalistas-, resumen o éxito que colleitou o menú que este preparou para o xantar dos 28 líderes dos países que forman parte da Unión Europea, reunidos este xoves na capital belga.
Así, por un día os seus comensais foron, ademais do presidente español, a chanceler alemá Angela Merkel, o presidente francés François Hollande, a primeira ministra británica Theresa May ou o flamante novo primeiro ministro italiano, Paolo Gentiloni.
Para todos eles, Pepe Solla preparou pescada con puré de tubérculos, ensaladas e allada. Foi o prato principal que se serviu nun xantar ibérico co que as autoridades europeas querían conmemorar os 30 anos que se cumpren da adhesión de España e Portugal á UE.
Foi, segundo explicou aos xornalistas en Bruxelas, dun menú simple, deseñado para un xantar de traballo. "Eu elixín como galego un prato que representa moito a Galicia, desde unha óptica máis moderna, mantendo a idea da pescada á galega", afirmou Solla.
Cociñar para os principais líderes europeos non asustou a un Pepe Solla que recoñeceu que "é moi bonito cociñar para todos eles". Foi un reto que "me facía ilusión" e que afrontaba coa "responsabilidade" de ser o anfitrión da cociña española.
Xunto ao cociñeiro pontevedrés, tamén participou o chef portugués José Avillez, que preparou o entrante, unha crema de castañas con perdiz en escabeche, e a sobremesa, un pastel de nata en milfollas con xeado de canela.
Para regar a comida, serviuse un branco (Albariño Rías Baixas, Leirana Genoveva 2014), un tinto (Rioja Tondonia 2004) e un viño doce (Porto).
Ambos supervisaron ata o máis mínimo detalle dos seus pratos aínda que, por motivos de seguridade, foi o persoal fixo da cociña do Consello Europeo o que comprou os alimentos e os guisou. Ademais, o menú tivo que pasar "certos filtros de protocolo", como que non tivese cascas ou cunchas e fóra fácil para comer.
Ao remate do almorzo, Mariano Rajoy usaba a súa conta de Twitter para felicitar a Pepe Solla polo xantar servido en Bruxelas.
Agradezco al chef @PepeSolla su implicación y el haber representado con maestría a #España y su gastronomía en el almuerzo ofrecido #EUCO pic.twitter.com/R2DHO2OdMI
— Mariano Rajoy Brey (@marianorajoy) 15 de diciembre de 2016