O traspaso da N-554 e a mellora do abastecemento de auga, principais demandas de Vilaboa á Xunta
Por Redacción
O alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, trasladou este mércores ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o interese do Concello pola transferencia da estrada N-554, actualmente titularidade do Ministerio de Fomento, á Xunta de Galicia. Ademais, recordoulle que xa lle trasladou a demanda recentemente á conselleira de Infraestruturas, Ether Vázquez.
A demanda de Poceiro realizouna con motivo da visita institucional realizada por Cores Tourís este mércores a Vilaboa dentro da rolda de visitas polos concellos dependentes da delegación territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.
O alcalde tamén expuxo ao delegado territorial o seu interese en continuar a levar a cabo proxectos de mellora en relación ao abastecemento de auga neste municipio coa colaboración da administración autonómica. Ademais, ambos representantes políticos estudaron a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Ao respecto, Poceiro trasladoulle a Cores Tourís que no próximo pleno municipal agarda poder aprobar as correccións solicitadas pola Xunta de Galicia sobre o documento, de cara a volver envialas á Consellería de Medio Ambiente para a súa aprobación definitiva.