O Nadal xa ilumina A Lama
Por Redacción
As principais rúas e prazas do centro urbano da Lama xa contan coa tradicional iluminación do Nadal. Así o destacou o goberno municipal, que explicou que as luces se completan coa instalación dunha árbore luminosa decorado con leds de cor branca que se situou na Praza da Pedreira.
Esta incorporación luminosa pon a guinda decorativa a un ambiente do Nadal que, este ano, loce uns adornos inspirados en composicións tradicionais do Nadal feitas a base de combinacións coloristas en azul e branco con lámpadas led de baixo consumo onde a estrela fugaz acapara o principal motivo decorativo desta ocasión.
A intención do Concello é contribuír con esta decoración luminosa a favorecer un ambiente festivo á vez que se colabora cos comerciantes en ofrecer unha imaxe moderna e atractiva para aqueles que vaian realizar as súas compras de nadal no comercio local.
A utilización de lámpadas led, sinalan desde o goberno municipal, permitirá ademais favorecer o aforro enerxético e baixar, así mesmo, a tarifa eléctrica que adoita incrementarse por estas datas coa utilización dos adornos do Nadal.
Nesta ocasión, o Concello da Lama elixiu motivos relacionados coa tradicional árbore de nadal, bólas de cores e guirnaldas luminosas alegóricas do frío inverno, sen esquecer a presenza da estrela fugaz que guía aos Reis Magos de Oriente cara á orixe da boa nova.