Exhibición de solidariedade no parque de bombeiros
Por Cristina Saiz
Nunha nova xornada de portas abertas, os Bombeiros do parque municipal de Pontevedra participaron nunha exhibición de solidariedade xunto a numerosos veciños que acudiron ata as súas instalacións para entregar alimentos, xoguetes e roupa.
Os primeiros serán distribuídos pola Redeaxuda, mentres que a roupa e os xoguetes teñen como destino a asociación Boa Vida Inclusión Activa.
Os bombeiros pontevedreses, tanto os que estaban de garda como os que non, mostraron os seus equipos e non dubidaron en responder a todas as preguntas que fixeron pequenos e maiores sobre o seu traballo diario.
Ademais houbo demostracións do uso do material e realizaron manobras de rescate en altura e asistencia nun accidente de tráfico.