Chega a semana das ceas de empresa… e a Garda Civil sábeo
Por Oskar Viéitez
A próxima semana concéntranse a gran maioría de ceas de empresa e peñas de amigos para festexar o Nadal e a fin de ano. Con tal motivo aumentan os desprazamentos en coche para asistir a estas celebracións nas que flúe o alcol con alegría… e a Garda Civil, sábeo.
Por iso, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) iniciará este luns 12 de decembro unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores, que durará ata o domingo 18.
Ao longo da próxima semana axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis deste tipo nas vías galegas. Tamén se potenciará a colaboración cos concellos para efectuar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno.
Desde a Delegación do Goberno en Galicia lémbrase que o alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias. Así a estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 establece como un dos seus obxectivos descender do 1% os positivos por alcoholemia nos controis preventivos aleatorios.
No ano 2015, as análises toxicolóxicas realizadas a condutores falecidos en accidentes de tráfico revelaron que, deles, un 43,10% presentaba unha taxa de alcol etílico en sangue superior a 0,3 g/l, unha porcentaxe que crece ata o 46,37%, no caso de peóns falecidos pola mesma causa.
E é que o peón, como usuario máis débil da vía, necesita tamén estar en pleno uso das súas facultades físicas e mentais para non correr riscos. Menor percepción ou percepción equivocada da súa contorna, perda de visión, maior asunción de riscos, son consecuencias que se derivan da inxesta de alcol, aumentado a posibilidade de sufrir un atropelo.