Borja Blanco, un escultor pontevedrés que traballa no mosaico máis grande do mundo
Por Oskar Viéitez
A localidade italiana de Indicatore é un pequeno pobo de Arezzo, na Toscana, con apenas 3.000 habitantes, a gran maioría cidadáns de fóra da Unión Europea. Alí a parroquia do Espirito Santo promove desde o ano 2009 a construción dun monumental mosaico.
A idea xurdiu despois de que o párroco encargase á artista Andreina Giorgia Carpenito unha serie de obras no templo. Froito destas colaboracións ambos acabaron imaxinando un lugar de encontro para o pobo, eliminando o aparcadoiro de coches situado fronte á igrexa.
Sen diñeiro pero con moita imaxinación, a artista recuperou de empresas da zona materiais sobrantes, creando un mosaico de azulexos ao estilo Gaudí. O seu proxecto era un praza de 240 metros cadrados de mosaico dedicada á "Visión de Ezequiel".
A idea da artista era unir ao redor deste traballo artístico a un pequeno pobo sen tradicións, sen unha identidade cultural e histórica, definitivamente, un mosaico de etnias.
Co paso do tempo e a colaboración desinteresada de numerosos artistas foise modificando este parque-escultura pensando nas persoas con discapacidade, elaborando percorridos sensoriais e xogos, un centro polifuncional para as artes… polo que se foi ampliando o mosaico en dous mil metros cadrados de pavimento, incluíndo bancos-escultura e un anfiteatro fronte á igrexa para acoller ao público.
A este proxecto fóronse sumando persoas de todo o mundo, entre eles, no ano 2014 formando parte do Proxecto Europeo de Mobilidade "Leonardo da Vinci" incorporouse o pontevedrés Borja Blanco Cochón.
Ata agora son máis de 570 as persoas que achegaron desinteresadamente o seu traballo.