O goberno local denuncia un pacto da oposición para atacar o modelo urbano e o plan de compostaxe
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular acaba de presentar tres emendas parciais ao orzamento municipal nas que pide a rebaixa do Imposto de Bens Inmobles (IBI), unha partida para a implantación do transporte colectivo urbano de viaxeiros e o incremento dos fondos destinados á aprobación incial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
A rebaixa do IBI pedida polo PP restaría un millón de euros das arcas municipais que se detraerían das melloras previstas para accesibilidade urbana e iluminación pública, a cantidade que o PP quere destinar ao transporte urbano roza os seiscentos mil euros e dedicaríanse outros trescentos mil para o PXOM, que se obterían da partida dedicada a composteiros e recollida selectiva.
A alcaldesa de Pontevedra en funcións, Carme da Silva, sinalou que a clave non é o destino destas emendas senón o que pretenden que se deixe de facer, é dicir, o problema é que estas emendas "atacan aos eixos centrais deste goberno" recortando as partidas destinadas á compostaxe e ao modelo de cidade.
"Van a por un proxecto que nos converte en referente internacional", afirmou a alcaldesa en funcións.
Pero Carme da Silva foi máis aló e asegurou que "temos coñecemento de que está a haber reunións dos outros grupos para chegar a un acordo para facer unha especie de goberno paralelo" o propósito deste pacto, segundo dixo, sería dirixir as súas emendas contra os alicerces centrais do programa de goberno do BNG.
Desde o Partido Socialista, o portavoz municipal, Tino Fernández dixo "non ter coñecemento destas historias, que aínda que fosen certas non terían nada de malo" e acusou o Bloque de "intentar tapar sus miserias por no ser capaz de llegar a un acuerdo con los otros grupos para sacar adelante los presupuestos".
O PSdeG presentará o proximo luns, día que expira ao prazo, as súas propias emendas parciais ao orzamento.
Desde o Partido Popular de Pontevedra aínda que sosteñen que "es mejor tener un mal presupuesto a no tenerlo" xa adiantaron que votarán en contra do orzamento se non son atendidas as súas emendas.
Relacionadas:
-
Villares considera que as emendas de Marea Pontevedra aos orzamentos son "un orgullo"
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra propón recortar en cultura e festas para crear unha renda social e transporte metropolitano
Por Oskar Viéitez |
-
O PP presenta dúas emendas para "restrinxir a arbitrariedade" do alcalde cos cartos públicos
Por Redacción |
-
Cidadáns presenta emendas ao orzamento municipal valoradas en máis de 600.000 euros
Por Redacción |
-
O PP lamenta o desinterese do goberno local por acadar un acordo para aprobar os orzamentos
Por Redacción |
-
A aprobación do orzamento, misión case imposible: BNG e PSOE rompen negociacións
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello non desbota vincular a aprobación do orzamento a unha moción de confianza
Por Alejandro Espiño |
-
O PP, disposto a absterse na votación do orzamento se Lores rebaixa os impostos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |