Metrominuto terá a súa propia APP para dispositivos móbiles
Por Alejandro Espiño
O Concello decidiu dar un novo impulso ao Metrominuto. Tras editar unha publicación impresa e colocar paneis indicativos pola cidade, o mapa que recolle os itinerarios a pé que se poden realizar en Pontevedra e o tempo que leva completalos terá a súa propia aplicación para dispositivos móbiles.
A APP, que está a ser desenvolvida pola compañía pontevedresa Pumpún Dixital, recollerá todo o espírito co que naceu o Metrominuto no seu día, fomentar a mobilidade peonil na cidade como forma de vida saudable.
Así, a aplicación terá como eixo central o mapa sinóptico que expresa as distancias entre unha trintena de puntos de interese na cidade e o tempo que se tarda percorréndoos a pé, seguindo un estilo similar ao que teñen os mapas das liñas do servizo de metro de cidades como Madrid ou Barcelona.
A través da tecnoloxía GPS do móbil, o usuario poderá consultar a distancia que hai desde a localización na que se atopa e o destino ao que queira chegar. A APP informaralle tamén do tempo medio no que completará o percorrido, o número de pasos que dará e a cantidade de calorías que queimará co esforzo.
Cada punto de interese seleccionado contará tamén cunha información detallada que incluirá unha pequena descrición cun texto explicativo, unha galería de fotografías e, no caso de ser un equipamento público, a dirección exacta, o teléfono de contacto, o correo electrónico ou a páxina web para dirixirse aos seus responsables.
Ademais, a través desta APP o usuario poderá coñecer a previsión do tempo para Pontevedra durante os próximos días e, mediante Google Maps, coñecer as indicacións necesarias para percorrer a distancia entre dous puntos -estean ambos ou non en Pontevedra- a pé, en bicicleta, en coche ou en transporte público.
O goberno municipal espera que a APP poida estar dispoñible en breve. Poderá descargarse de forma gratuíta a través da App Store de iPhone e na tenda Google Play para dispositivos Android.
Relacionadas:
-
A Deputación elaborará 'Metrominutos' para os 'Concellos Ágora'
Por Redacción |
-
Editan 17.000 exemplares do Vaiapé, o metrominuto de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Metrominuto inspira á Comunidade de Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
Cinco mapas indicarán onde e que se pode mercar no comercio local pontevedrés
Por Redacción |
-
Ao Metrominuto nácelle un primo irmán, o MetroBici
Por Redacción |
-
A Coruña copia o Metrominuto de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os topógrafos da provincia estudan o "metrominuto"
Por Oskar Viéitez |